Estes son os artigos que atopamos.
Seremos de cobre
Ruud Delagrange chega a París un día de inverno no que as rúas están cheas de neve gris.
Recén incorporade a Industrias d'Arsonval, a empresa máis grande do país, atópase enfrontande unha realidade implacable: unha cidade axitada por folgas e unha constante loita contra a dor que consume o seu corpo. Con todo, a existencia gris de Ruud dá un xiro de cento oitenta graos tras a aparición dun enigmático mozo chamado Mika. Mika ten as mans frías e fuelles no lugar de pulmóns, pero, sobre todo, ten un soño: voar. Quere construír unha avioneta, atravesar a capa de nubes de contaminación e saír da cidade sen primavera. Así, contra todo prognóstico, o camiño de Ruud Delagrange cruza co dun rapaz imposible, cun soño imposible, nunha cidade sen esperanza.
Un máxico e cativador retelling da ópera 'La Bohème' de Puccini cun xiro fantástico e queer, que nos mergulla nun París escuro e opresivo, onde a arte e a aspiración convértense no refuxio dun grupo de mozos que buscan escapar dunha realidade que ameaza con esmagalos, aferrándose ao único que teñen: os seus soños, a esperanza, e eles mesmos.
Biografía do autor
Maeva Nieto Piñero é autora de narrativa xuvenil, especializada en ficcións especulativas con estética queer e poética. A súa escrita destaca por fusionar imaxinación, emoción e sensibilidade fronte ao diferente, xerando mundos alternativos con forte carga simbólica.